A vista despista

Ten 0 comentarios.

Recapitulemos. Isto empezou cunha defensa da relatividade absoluta, do todo depende, do “bueno…” total . E todo fundado na teoría científica da física cuántica, que entre outras cousas cuestiona a veracidade do que vemos, avísanos de que a mente é moi perra, de que non hai que fiarse dos ollos, de que a vista despista.
Así que pasemos dos estímulos visuais.
Recuperemos os outro catro sentidos. Cheiremos, toquemos, chupemos, oiamos.

Empezo polo de oír: Na miña casa sempre estivo, e está, a radio encendida practicamente todo o día. A radio da cociña. Mesmo cando non hai ninguén na cociña. Supoño que iso explica a miña afición polo medio. Pero non me gustan as tertulias políticas, nin sequera os típicos magazines, que case despistan tanto como os ollos. Gústame Radio tres, e Radio cinco, que son de todos e ademais non teñen anuncios.

De Radio tres, que é unha emisora musical, gústame pois iso, a música. Hai un montón de programas, e en cada un poñen estilos totalmete diferentes. Flamenco (‘Duendeando’, os sábados pola tarde), étnica (‘Diálogos tres’, de luns á venres ás tres, á hora da siesta), electrónica (‘Siglo XXI’, de 10 a 12 da mañá, para min, o mellor programa que hai na radio, e iso que ese tipo de música non é o meu preferido), hip hop (‘El rimadero’, os sábados polas mañás), brasileira (‘Los elefantes sueñan con la música’, de madrugada), pop-rock mítico (‘Bulevar’, ao mediodía), indie (‘Disco grande’, polas tardes), rock duro (‘El paraíso’, pola noite)… e moitísimos máis. Tamén hai programas de cine (‘El séptimo vicio’, todos os días ás catro, creo), doutras culturas e visións do mundo (‘Mundo babel’, os fins de semana pola mañá) e incluso de filosofía oriental (‘Local’, de vez en cando, a úlitma hora da tarde). Ademais, todos os días poñen un concerto en directo (‘Los conciertos de Radio 3’, que logo poñen de madrugada na tele, na dúas) e nalgúns programas, como ‘Siglo XXI’, hai un buzón de voz, que case é o que máis mola de todo: a xente chama (a un número gratuito, e ten que ser durante a duración do programa) para dicir o que lle pareza. Literal. E póñeno no programa do día seguinte. Móntanse cada broncas e debates… é divertidísimo. Tamén mola moito de R3 que os locutores dos programas son moi peculiares e engancha oílos falar.

Pero o mellor de Radio tres son os seriais que facían, sobre todo antes. ‘Cuando Juan y Tula fueron a Siritinga’ é unha pasada, eran 80 capítulos de dez minutos cada un contando a historia dun país imaxinario no que pasaban aventuras tremendas (Juan era un zahorí e Tula, a súa cadeliña, que viaxaban a Siritinga para axudarlle á raíña a atopar un líquido especial, pero logo todo se complica). Tamén fixeron a versión radiofónica de ‘El corazón de las tinieblas’ (a supernovela de Joseph Conrad na que se baseou Coppola para facer o superfilme ‘Apocalypse Now’), coa supervoz de Constantino Romero como narrador, e moitos outros máis. Tamén estaba guai o programa no que adpataban películas míticas, con diálogos e música, ‘Videodrome’. Hai unha páxina en internet, radiotres.org, na que os aficionados á cadea gravan e colgan os programas. Así que se vos pica, xa sabedes, ‘Siritinga’ por exemplo está guai para escoitar nos pequenos traxectos no coche, ou ‘Videodrome’ para as viaxes máis longas, ou nos paseos, agora que se leva tanto o de andar os cascos.

Canto a Radio 5 (todo noticias), mola para o que lle guste estar informado, porque cada 15 minutos hai un boletín, e non soen ser tendenciosos como no resto de emisoras. Pero sobre todo mola porque no resto da programación, non hai programación, é dicir, que enchen o tempo con minireportaxes, duns catro minutos, de todo tipo. Por exemplo, nestes días escoitei cousas tan dispares como o problema da sequedade do mar Morto, que creo que perde un metro de auga cada ano, a diferenza entre as palabras reivindicar e revindicar (existen as dúas!!), unha análise sobre os campos de refuxiados palestinos no Líbano, un especial sobre o nariz, a presentación dun programa de voluntariado en Barcelona, un repaso polos djs e clubs de moda…

Aí queda, pois, a recomendación de escoitar a radio, que abre a mente e fai moita compañía.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *