Atletas ilustres

atletas.jpg

O domingo 28 fun a Compostela a desfrutar do deporte, que é un dos mellores inventos do home. Fun á carreira pedestre, a máis importante das que se celebran en Galicia e que este ano ía pola 30ª edición. Eu non corrín, pero o ano que vén espero facelo, porque ver a 6.000 persoas correndo xuntas, e todas con esa aura de serenidade e vida sana que teñen os deportistas amateur, pois mete o gusanillo e dá ganas de deixar de fumar. Así que foi un finde moi atlético, porque ademais unhas das tertulias nocturnas, a do venres, versou sobre atletas ilustres da historia. Ou máis ca iso, atletas con historias ilustres.

O tema comezou con MARION JONES[1], que hai uns días tivo que confesar que estaba dopada cando conseguiu cinco medallas nas olimpiadas de Sydney (foi a primeira muller da historia en acadar cinco metais nos mesmos xogos), no 2000. Agora, despois de varios anos de rumores e xuízos, a Marion non lle quedou máis remedio que confesar que ela tamén levaba axuda cando se convertiu na raíña da velocidade, aínda que segundo a súa versión ela non o soubo até o 2003. Consciente ou non, o caso é que Marion Jones (que, por certo, tamén xogaba moi ben ao baloncesto, de base, meteu unha media de 22,8 puntos por partido durante a súa última liga xuvenil) tivo que renunciar a todas as medallas que gañou (tres de ouro, en 100, 200 e relevos 4×400, e dúas de bronce, en salto de lonxitude e relevos 4×100), o que suporá unha nova clasificación nesas probas. Así, máis dunha atleta levará unha alegría ao cambiar a plata polo ouro, o bronce pola plata ou o cuarto posto (que é peor que quedar último) polo bronce.

Unha desas é a grega EKATERINA THANOU [2], que, paradoxos da vida, foi a que nos xogos de Atenas escapou co colega KOSTAS KENTERIS [3] da villa olímpica e finxiu un accidente de moto para escaquearse dos controis antidoping, un asunto que aínda está pendiente de xuízo. Unha dopada por outra, vaia.

Outra que se beneficiará da pifia de jones será a xamaicana (bueno, hoxe está nacionalizada eslovena) MERLENE OTTEY[4], que quedara cuarta en 200. Ottey foi outra das protagonistas da tertulia cervecera, sobre todo entre algún tertuliano masculino para quen a velocista xamaicana “é máis guapa que calquera modelo”. Marlene Ottey gañou en total oito medallas olímpicas, a última (de plata en 4×100) en Sydney, cando xa tiña 40 anos. E o ano pasado, con 46, chegou ás semifinais no Europeo. De Merlene Ottey a conversa derivou á alxerina HASSIBA BOULMERKA [5], que foi a primeira muller africana en gañar un título mundial de atletismo, o de 1.500 no 1991, en Tokio, unha marca que repetiu logo en Barcelona’92 e no mundial do 95. Ademais de por isto, Boulmerka foi famosa porque se negou a poñerse o velo para correr, malia as ameazas dos fundamentalistas islámicos do seu país. De feito, acabouse mudando a Europa. Quen si usa non só o velo, senón o hiyab (que cubre todo a cabeza menos a cara), camisola e pantalón de manga larga é RAKIA AL GASSRA[6], de Bahrein.

O cariz político-cultural levou o tema até SEBASTIAN COE[7], un atleta inglés, din que un dos mellores da historia, que logo se dedicou á política _foi deputado conservador_ e agora encargouse de dirixir a candidatura de Londres para as olimpiadas de 2012, as que quería facer Madrid (ou sexa, que segue facendo política). Cando aínda corría, nos anos 80 o seu récord de 800 metros non foi batido até 16 anos despois. Foi memorable a súa rivalidade con STEVE OVETT [8], outro inglés da súa quinta, que tamén era un crack, pero cun punto antitético do de Coe. O Ovett, en plena guerra fría e cando os soviéticos eran os amos do atletismo, pasou anos sen falar coa prensa británica e corría sempre cunha camiseta da URSS, rojo comunista coa fouce e o martelo, que lle regalara o ruso, tamén mediofondista, Vladimir Abramov. Nos xogos de Moscú en 1980, a carreira de 1.500 pasou á historia do deporte (e do cinema, pois creo que é unha das escenas de ‘Carros de fuego’) polo pique que se botaron Sebastian Coe e Steve Ovett. [[[O que se quedara co intrínguluis do resultado, que pique neste estupendo relato de “la carrera de todos los siglos” que cacei nun blog nun deses rules polo ciberespacio]]]

Pero o récord mundial máis duradeiro da historia do atletismo foi o do ianqui BOB BEAMON [9], que en México ’68 fixo 8,90 en salto de lonxitude, superando en 55 cm (¡?) a marca anterior. Tivo o record durante 23 anos (Ah, acabo de ver noutra galaxia que tamén hai unha curta, dunha rapaza vasca, que fala dese salto). Outra película que tamén relatou a historia dun atleta foi ‘Sin límite’, na que o protagonista é o estadounidense STEVE PREFONTAINE [10], que despuntaba e prometía pero que morreu nun accidente de coche aos 24 anos. O entrenador de Prefontaine era Bill Bowerman, un dos creadores de Nike (no filme vese como Prefontaine, ou Pre como lle berraban desde a grada, probaba as primeiras zapatillas que deseñaba Bowerman).

E volvendo ás rivalidades internacionais e ás pasaxes da Historia, JESSE OWENS [11] foi un negro estadounidense que en Berlín ‘36, diante de Hitler (que daquela tamén quería ser o amo do deporte e do resto), gañou catro medallas, algo que non foi igualado até 1984, da man (ou dos pés, máis ben) de CARL LEWIS. Un ano antes, Owens –do que din que era un fenómeno da técnica e do estilo, que daba gusto velo correr– batira catro récords mundiais en 45 minutos.

Falouse tamén aquel día de JAVIER SOTOMAYOR [12], un dos heroes cubanos do deporte e o mellor saltador de altura de todos os tempos, seica. Facía salto de altura, e batiu o record do mundo dúas veces en Salamanca, así que lle puxeron o seu nome á pista. E do etíope ABEBE BIKILA [13], que en 1960 gañou a maratón de Roma correndo descalzo. E da historia da maratón: a parte bastante coñecida é o drama do soldado Filipides, no mundo clásico (!?), que despois dunha desas guerras entre gregos e persas mandárono correndo a avisar de que gañaran (ou de que perderan, non o teño moi claro), desde a vila de Maratón a Atenas, é dicir uns 40 kilómetros. O mensaxeiro correu a morrer e ao chegar, pois morreu. Pero o caso é que a distancia actual quedou nos 42.195 metros a principios do século XX, cando se fixo a carreira en Londres e, para que non se mollara a raíña de Windsor, pois houbo que mover a saída até sitio cuberto. 42.195 metros: o cacho que vai do castelo de Windsor ao estadio de White City, onde estaba a meta. Como o de mahoma e a montaña pero coa raíña e a saída, vamos.

Alguén recordou logo a YURI BORZAKOVSKI [14], un ruso que corría medio fondo e que sempre seguía a mesma estratexia: corría as primeiras voltas moi amodiño, ía de último e deixándolle bastante vantaxe, de case 20 metros aos seus rivais, e nos últimos 200 metros, zas, sprint invencible. Algunha que outra vez botou mal as contas e despois xa non lle deu tempo de recuperar.

E tamén se falou de atletas galegos, como JAVIER FERNÁNDEZ FEIJÓO [15], que corría maratón (fixo 2:18:08) e que nos 80 gañou varias veces a pedestre de Compostela. Ou como JULIÁN BERNAL [16], de Ferrol, que con 89 anos !!!!! corre cada fin de semana algunha carreira popular, por toda España, e que é campión mundial na categoría de veterano e nacional en varias probas. Estes dous teñen unha cousa en común: tanto Feijóo como Bernal participaron nalgunha das edicións da Carreira Popular de Carral (xa vai pola XIX), que este ano se celebra o próximo domingo 11 de novembro. A de Carral é unha das carreiras populares máis antigas de Galicia e, ademais, unhas das máis duras do circuito galego. Merece a pena ir, e ademais as carreiras populares son unha boa escusa para moverse por aí, e o deporte dá bo rollo.

Seguramente me engañei nalgún dato. Agredezo as correccións. E todo en xeral

1 comentario

  1. O dos números que van ao lado dos nomes dos atletas é unha lenda da foto que hai enriba. Se picades nela, faise grande e vense os personaxes e os números.
    Non sei se me explico

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *