A forma dos concellos

Siluetas dos 313 concellos galegos ordenadas pola circularidade da súa forma
Ten 2 comentarios.

Por seguir coa teima de combinar mapas e código, estiven estes días fozando cun gráfico que vin en Observable: Sorting regions by shape colle os mapas de todas as rexións europeas (o nivel por defecto, NUTS 2, corresponde en España ás comunidades autónomas) e ordénaos por forma segundo varios criterios xeométricos: circularidade, orientación, convexidade, alongamento, etc.

Das 334 rexións da Unión Europea, Galicia é a 14ª “máis redonda” :)

Eu repliqueino pero cos concellos galegos:

Concellos galegos ordenados por forma


Pois resulta que o concello de Coles (Ourense) é o máis redondo de Galicia, cunha circularidade do 91,8%. Rábade é o máis convexo, Carballeda de Valdeorras o máis rectangular, Ares o máis alongado e Ordes é o de maior “cuadratura”.

Na vista por orientación, Abegondo, desde onde escribo, apunta xusto á diagonal (45.2 graos).

***

Nas cuestións xeométricas non me metín nin cambiei nada, que diso pouco me entero (polo que dou entendido na documentación, a maioría dos cálculos fanse a partir do Mínimo Rectángulo Delimitador que se podería debuxar darredor de cada concello). Eu simplemente quería ver como substituír os datos das rexións europeas polos dos concellos galegos, por fozar cos arquivos e formatos, e porque tiña curiosidade por saber cal era o concello galego máis redondiño :)

  • Usei OSM Boundaries para descargar os mapas dos concellos como polígonos e no formato .geojson que precisaba. Esta web le os mapas de openstreetmap.org, filtra só os elementos etiquetados como fronteiras (boundaries) e permite descargalos por países ou niveis administrativos (parroquias,concellos, comarcas, provincias, etc.), pero só 100 de 100, así que descarguei un arquivo por cada provincia e despois uninos en Observable.
  • Observable é un portal de visualización de datos. Fixen unha conta gratuíta para poder “forquear” (dise así?) e modificar o proxecto orixinal. Cada proxecto ou “notebook” en Observable ten o código dividido en celas que se executan e actualizan unha a unha, iso axudoume a entender o que fai cada cousa e ir probando. Só tiven que cambiar un par de nomes de propiedades para que se adaptaran aos arquivos dos concellos e aos novos filtros (provincias en vez de niveis NUTS, etc.).

Sorting regions by shape é un deseño de Joe Davis e Julien Gaffuri.

2 comentarios

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *