Así nos ven os astronautas

Ten 6 comentarios.

Levo uns meses perdendo o tempo mirando fotos de Galicia desde o espazo -desde o espazo as fotos, eu estou cos pés na Terra-. Nesta web da NASA teñen un bo catálogo, eu fun buceando e xuntando e agora dedícome a amplialas para recoñecer os sitios, as formas, comparalas coas conexións mentais de rutas e estradas, coas vistas in situ, etc. Coas fotos aéreas pásame coma cos mapas, que me obrigan a cambiar de perspectiva, e ese é sempre un exercicio saudable.

As fotografías son cortesía da Earth Science and Remote Sensing Unit da NASA, dispoñibles na web do Centro Espacial Johnson. Cada imaxe leva no pé o seu ID, enlazado á ficha correspondente. Pódense reutilizar citando a fonte da NASA.

Para aforrar datos, optimicei e reducín as fotos a un máximo de 1400px antes de subilas á web. Preme DESCARGAR para ver a imaxe orixinal en alta resolución, nótase moito a diferencia. Tamén se poden descargar todas as fotos xuntas e en alta resolución neste .zip (160MB).


***

Todas as imaxes deste artigo son fotografías feitas por astronautas, non por satélites. A maioría fixéronas desde a Estación Espacial Internacional (ISS), onde viven os que habitan o espazo hoxe en día. A ISS empezou a construírse en 1998 e a acoller persoas flotantes, de seis en seis, no ano 2000. Dá voltas darredor da Terra, unha cada 90 minutos, a aproximadente 400 km de altura. Antes da ISS houbo outras estacións tripuladas, como a Mir rusa ou a Skylab, e transportes que as conectaban coa Terra, desde os que ás veces tamén tiraron fotos.

A seguinte é a foto de Galicia desde o espazo máis antiga que atopei. Tirouna na primavera de 1973 algún dos tres astronautas da misión SL2 -Pete Conrad, Joseph P. Kerwin ou Paul J. Weitz- desde a Skylab, que foi a primeira estación espacial que tivo a NASA orbitando a terra. De feito eses tres señores da SL2 foron os primeiros da historia que volveron vivos dunha estación espacial.

Galicia e o oeste da Península Ibérica fotografiada desde unha nave espacial en
1973
Descargar
SL2-X5-354

Máis fotos ‘retro’. As de 1984 fixéronas desde o transbordador Challenger, o mesmo que explotou uns anos despois ao despegar.

Atopa as diferencias. Entre as dúas seguintes imaxes pasaron 10 anos, nos que deixamos pegadas. Así a primeira vista, na primeira (2001) non hai rastro dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, e tanto a mina das Pontes como a de Meirama estaban aínda abertas. Na segunda (2011) xa se ven os dous buratos enchidos con lagos, os cacho diques e os corredores de Noia e Fisterra.

Agora unha tanda de cascos urbanos. É bastante flipante o petada que está A Coruña -tanta xente en tan pouco sitio-, o pechada que é a ría de Ferrol e o ben que lle quedan os ríos Miño e Lérez a Ourense e Pontevedra. Non atopei ningunha imaxe boa das cidades de Lugo e Compostela. E como destacan os campos de fútbol: Riazor na Coruña, O Pasarón en Pontevedra e Balaídos en Vigo. E os polígonos industrais, que non falten.

Das rías Baixas teñen moitas, o certo é que son moi fotoxénicas con esas formas tan curiosas que fai a terra, non me estraña que os astronautas as retraten con frecuencia. O Morrazo parece un mapa de España (sen Portugal), Baiona unha desas pezas raras nos puzzles, a illa de Arousa coa súa ponte curvada, cousa de ciencia ficción (ou o escudo de Batman) e a desembocadura do Miño que tanto brilla na última foto… un alieníxena saudando? un tipo de tertulia nunha barra buscando o tabaco no peto?

De Cedeira tamén hai ♥. De esquerda a dereita: Ortigueira, Cariño, a serra da Capelada, Cedeira, Vilarrube e Pantín. A xente do proxecto Gaelaico cre que o nome de Cedeira vén das palabras gaélicas “cé” = porto e “deireadh” = atrás; mirando estas fotos unha imaxínase aos pobos atlánticos mapeando a costa do Ortegal desde o norte e o de que Cedeira sexa o porto de atrás ten todo o sentido do mundo. Cariño sería o de diante, supoño.

O microclima da Mariña de Lugo non falla. O vermello da última imaxe é a balsa de lodos cortesía de Alcoa en San Cibrao. Á dereita, xa baixo o veo de nubes, Burela.

Non din con moitas imaxes do interior, supoño que non é fácil competir co mar. A de Lugo parece escura pero os cursos do Miño e da A-6 fan de guía.

A Costa da Morte. O monte Pindo vese sublime. Dá ganas de ir e facer alí un sacrificio estilo Moctezuma.

Noia, Muros e Fisterra, 2003
Descargar
ISS006-E-28838

De noite. O da contaminación lumínica é un caso pero dá unhas vistas víricas, aracnofórmicas, navideñas, terroríficas. Na imaxe da Coruña -moi recente, por certo, do último verán- esa especie de escudo ou logotipo punteado na parte de arriba é a urbanización do Xalo! Destaca tamén as luces brancas das áreas industrias contra as demais, amarelas.

A Coruña, 24-07-2021
Descargar
ISS065-E-203711

Haberá a quen non lle impresione nada disto, agora que hai mapas e fotos de satélite a tutiplén. Pero: por unha parte estas de aquí son simples imaxes, ficheiros jpg que descargas e amplías e imprimies se queres e conservas e compartes se queres, sen nada interactivo nin conexión a nada nin carteliños por riba, e con moita resolución (a versión para Descargar, lembren). E por outro lado, máis importante, estas fotos non as fixeron as máquinas: tiráronas persoas reais á man, con cámaras reflex de toda la vida (das caras carísimas e con obxectivos de ata un metro, si, pero sen máis complicación), desde a nave espacial na que vivían, flotando por riba do resto da humanidade. Cando tiñan un rato libre, miraban polo ventanuco e escollían algún cacho de terra para facerlle fotos. Escribinlles aos da NASA para saber os nomes das persoas que se pararon a fotografar Galicia pero só mo puideron dicir no caso das seguintes imaxes:

  • Estas catro fotos “estilo Pemán” fíxoas o 29 de xuño de 2013 a enxeñeira estadounidense Karen Nyberg. Moitos afluentes ten o Douro.
  • E esta de Cangas, Moaña e a ría de Vigo, co mar tatuado de bateas, xunto coa que hai máis arriba (ISS051-E-36334), tirouna o francés Thomas Pesquet en maio de 2017.
Vigo e O Morrazo, 2017
Descargar
ISS051-E-36337

Non é que sexa eu friqui do tema espacial per se, de feito véxoo máis ben como unha desas sobradas humanas que ben podiamos aforrar. Pero feita xa a desfeita, o certo é que as imaxes do espazo son sempre flipantes, unha porta á imaxinación, e os astronautas teñen o seu punto. Só o de F L O T A R xa ten que ser invilibili. Pero ademais flotar darredor dun planeta, véndolle as fendas todas, chegando a coñecelo a outra escala… molaría.

Remato cunha pequena cursilada. Na ficha da seguinte imaxe non aparece a hora, pero seguro que a dese día foi unha mañá xiadeira. Era xoves, febreiro do 98. Estaría eu camiño do instituto, na Laboral. Ou no recreo, papando vitamina D en Mariñas. Coa luz branca do sol de inverno estrada polas rías, a auga brilla tanto que parece que imos partir como unha galleta, o primeiro cacho polo río Tambre ata Betanzos. Despois tiramos do Barbanza e quedarían logo as rías Altas para a seguinte esgazadura. Intúese unha futura ría no Xallas. E a V -non invertida desde este lado- do encoro de Cecebre podería ser unha pegada extraterrestre antiquísima. Os alieníxenas non caen en calquera sitio.

O Atlántico, azougado, hoxe non ten gana de leria, é tempo de paz. Se acaso algún remuíño para os surfistas portugueses. Ao fondo, a curva final, o finísimo limbo azulado que respiramos e despois diso, só negrume raramente salpicado de estrelas, pedrolos, planetas e un feixe de ferralla flotante onde un home minúsculo nun minúsculo cuarto ateigado de bultos e apeiros amarrados ás paredes, el tamén amarrado, sorrí mentres apunta a cámara a esa terra esgazada e brillante na última esquina de Europa.

26-02-1998
Descargar
NASA7-707-63


***

Busquei as imaxes usando diferentes filtros na sección Search Photos da web do Johnson Space Center ou directamente sobre un mapa coa ferramenta i4. Teñen todas as fotografías catalogadas por data e misión e con toda a información de cada imaxe: con que cámara e lente se fixo, desde que altura, a que hora, etc. As fichas inclúen tamén as coordenadas do nadir da órbita, é dicir, o punto no que estaba a ISS cando se tirou a foto, pero na maioría dos casos fáltalles a localización exacta do que se ve na propia imaxe; isto é así porque, ao contrario cás fotos de satélites, os astronautas poden apuntar a cámara en calquera dirección e con calquera ángulo sen que esa xeometría quede rexistrada, así que non hai maneira de saber de forma automática que parte da Terra se retratou; as coordenadas do punto central da foto só se poden meter á man e analizando as fotos unha a unha.

Molaría que os usuarios puidéramos meter ou polo menos suxerir as coordenadas do punto central das fotos que están sen catalogar. Pero non, só se poden enviar as coordenadas das imaxes non catalogadas a través do xogo Image Detective, e alí só colgan unhas poucas.

En calquera caso, estes arquivos son unhas boas máquinas de enredar. Eu paseino pipa remexendo entre fotos e mapas de Galicia e aprendín moito de paso :)

Para aforrar datos, optimicei e reducín as fotos a un máximo de 1400px antes de subilas á web. Preme DESCARGAR para ver a imaxe orixinal en alta resolución, nótase moito a diferencia. Tamén se poden descargar todas as fotos xuntas e en alta resolución neste .zip (160MB).

6 comentarios

  1. Marabillosa inmersión no mundo “paparazzi astronautil”, e se además desfrutamos de panorámicas de Galicia agradécese moito máis. Parabéns pola idea e polo traballazo !!!!! Agora xa terei máis coidadiño de non tender a roupa cando pase a Estación Espacial porriba porque teñen más perigo que os de GoogleMaps jajajaaaa!!!

  2. Excelente traballo!! Interésame moito a xeografía, a astronomía a fotografía, a ISS e Galicia, así que o disfutei moitísimo e o recordarei cada vez que vexa pasar a Estación Espacial. Grazas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará