Hai xa case un mes, entre o 30 de setembro e o 2 de outubro, celebrouse a primeira WordCamp Galicia, unha xuntanza virtual de xente que traballamos ou fozamos con WordPress. Eu tiven o gusto de participar como relatora, por primeira vez, cunha charliña sobre o inspector dos navegadores web e algunhas maldades que podemos facer con el (probar cambios no deseño, xestionar as cookies, auditar posibles melloras de rendemento, etc.). Ei vai:
Era a primeira vez que facía algo parecido a unha clase ou taller sobre o meu traballo, fóra das pequenas guías ou documentacións internas que ás veces teño que preparar para algún cliente (aínda que nunca en vídeo), así que foi toda unha experiencia! Primeiro, cando seleccionaron a miña charla, foi como unha pequena validación anti-síndromedoimpostor e ademais “así miña nai por fin vai entender a que me dedico”, pensei. Despois, cando a preparaba e tiña que repetir, curtar e corrixir continuamente porque por moi rápido que fale, en 10 minutos non collen todas as virtudes do meu querido amigo o inspector. A charla non se emitiu en directo, gravámola uns días antes, con algún atranco -todo cousa miña, a xente da organización fíxoo perfecto-, e despois diso pois a agardar con certa expectación nas redes e tal polo día en cuestión, o 30 de setembro, que quedará na historia como a primeira WordCamp Galicia e ademais cunha xornada de charlas integramente en galego. Estou moi contenta de ter formado parte diso.
Canto ao resultado didáctico, non sei se algún dos participantes na WordCamp aprendería algo co meu relatorio, pero polo menos ao abnegado “tester” que tiña na casa mentres preparaba o asunto si que lle quedou claro que co inspector do navegador podes facer moitas cousas, incluídos cambios de especie:

Só con iso xa me dou por satisfeita :)
Pero ademais o certo é que estivo todo moi guai, puiden participar activamente na comunidade, toda a xente da organización foi moi amable e houbo charlas moi interesantes como a de Marta Torre sobre as custom properties en CSS, a de Mauricio Galves sobre o directorio de patróns en Gutenberg, a de André Maneiro sobre os theme.json, a de Néstor Angulo sobre seguridade en WP ou a de Sabela Muñiz, que fixo un repaso histórico por todas as súas webs, unha idea chula e se cadra cada vez máis necesaria… Internet vai cumprindo os seus anos e hai que ir documentando o conto. Aquí meto a cuña de web.archive.org.
Todas as charlas da WordCamp Galicia pódense ver neste enlace de WordPress TV.
Tamén molou moito o Día do Contribuidor, o sábado pola mañá. Fixen un pouco de todo: na mesa de Traducións completei as cadeas en galego que faltaban do plugin Advanced Custom Fields, na de Vídeo axudei a subir ao WordPress TV as charlas e os subtítulos do evento e na de Soporte contestei un par de tickets no foro de axuda en español. E ademais estiven de leria no zoom cos compañeiros wordpresseiros; gustoume máis o do zoom nese contexto que durante as charlas -eu sempre fun de atender na clase :p
En resumo, moi boa experiencia a de participar como relatora nunha WordCamp, intentarei repetir! Intentarei tamén seguir colaborando aos poucos coa comunidade, a ver como. Ademais de seguir traducindo ou subtitulando cousas, se cadra na parte de comunicación, sempre me pareceu que o mundillo WP é algo endogámico ou urobórico, como que sempre somos os mesmos falando das mesmas experiencias e dándonos palmadiñas, cando en realidade WordPress está moooooi extendido na web, úsase na administración, nas escolas… en moitísimos contextos puramente utilitarios nos que “a comunidade” non ten ningunha importancia, nos que se descoñece o que é WordPress como institución, o peso que ten en internet, como funciona o open-source… Ao Zuckeberg coñéceo todo dios pero a Matt ni pichi, e non o digo polo do culto ao líder, vade retro, só como exemplo e só estou desbarrando… pero si que hai que desbrozar algo por aí coa divulgación, penso eu.
***
Resulta que a mesma finde da WCGAL tamén se celebrou a WCUS, tamén online, estiven vendo un cacho e quedeime cun par de detalles chulos: ademais de que as ponencias eran máis longas (eu prefíroas), os ocos entre as diferentes charlas enchíanos con textos e fotos sobre os relatores, a súa bio, experiencia, etc. E nos descansos longos facían ‘musical breaks’, con miniconcertos ou playlists dalgúns membros da comunidade.
E ata aquí a miña crónica das últimas WordCamps ás que asistín ultimamente. A ver se se retoma pronto a de Pontevedra en versión presencial, e se todo vai ben para poder baixar ata Oporto á WCEU do ano que vén. No mundo virtual, a semana que vén celébrase a WCES e xa lle teño botado o ollo a algunhas ponencias: fullsite editing, trucos CSS, API REST, humanismo dixital, accesibilidade, deseño para WP, plugins en gitHub…