Contra a certeza

Entrada destacada

Portada do libro "La era del capitalismo de la vigilancia" de Shoshana Zuboff
Ten 2 comentarios.

Será que teño algunha morriña de escribir algo máis ca correos electrónicos* ou será máis ben que este blog nunca deixou de later no meu merecumbé mental, e vale que a relatividade absoluta e o dudismo como relixión están moi ben pero pasan os anos e se con sorte aínda quedan outros tantos pois algo haberá que facer con eles.

O primeiro artigo deste blog é de setembro de 2007. Cambiou o conto, o da rede, desde esa: Dos 17 blogs que, coma este, vivía daquela na rede de blogs do xornal La Opinión de A Coruña, só seguen activos dous (Evasée e El Tonel de Diógenes). Tampouco colean os cadernos dos visitantes habituais de Todo Depende (Las Erinias, Coltra, Aquí mando yo, Estilo in-diferente, El Goio…), nin os de moita outra xente á que daquela eu seguía vía blog (Estíbaliz Espinosa, Documaniático, María Yáñez, etc.). Algúns si que están accesibles pero non se actualizan desde hai tempo. Non é que xa non haxa na rede contidos interesantes creados por persoas, ao contrario, cada vez hai máis cousas que ler e de quen aprender. Pero moitos deses contidos que alguén se curra por amor á arte xa non se publican nun blog ou nun espazo web máis ou menos independente; agora os titoriais, as fotos, as entrevistas, os debuxos, os poemas, as investigacións, as ocorrencias… agora colgámolas e consumímolas directamente en redes e servizos de terceiros, grandes corporacións multinacionais capitalistas que, por suposto, aceptan encantadas esa desposesión nosa, e de paso -ou máis ben ao caso– tamén a valiosa información sobre os nosos hábitos e experiencias que imos deixando no camiño. Ben, pois eu négome a escribir as miñas cousas como fíos de Twitter ou canles de YouTube ou sucedáneos, porque prefiro que o contido que creo eu estea da miña man e porque acojona pensar no fácil que llelo estamos poñendo. Apúntome daquela á filosofía da Indie Web, da que por certo oín falar primeiro en Enlace Permanente, boletín harto recomendable para estar ao día sobre WordPress, a web aberta, etc.

La era del capitalismo de la vigilancia

Portada do libro "La era del capitalismo de la vigilancia" de Shoshana Zuboff

A isto súmase que veño de ler La era del capitalismo de la vigilancia, de Shoshana Zuboff (Paidós, 2019) un ensaio con conceptos moi reveladores:

O excedente condutual

Do que viven as grandes corporacións da vixilancia (Google, Facebook, Microsoft, Amazon, Twitter et al) non é dos contidos nin dos dispositivos, senón da xebra condutual que deixa a marea: datos e datos e datos sobre o noso comportamento, incluído cada vez máis o máis íntimo. A experiencia humana, esa é a materia prima do seu negocio, transformada despois polos algoritmos en produtos preditivos que finalmente venden aos seus clientes, os anunciantes. E Zuboff pregúntase: se o modelo de capitalismo industrial dos últimos 150 anos esquilmou a que foi -e segue sendo- a súa materia prima, os recursos naturais, ata cotas irreversibles, que será da humanidade, con minúsculas, dentro de 150 anos?

Esquece o tópico de que se algo é gratis, é porque ti es produto. Ti non es o produto, ti es o cadáver abandonado. O ‘produto’ é o que se fabrica co excedente que arrincaron da túa vida.

Shoshana Zuboff, La era del capitalismo de la vigilancia

A desposesión

Ao parecer un dos trazos característicos do capitalismo é a apropiación unilateral de cousas que ata entón quedaban fóra do mercado: de repente X é vendible e comprable. Primeiro foron a vida humana (traballo), a natureza (fincas) e os intercambios (cartos). A última gran apropiación por desposesión é a da conduta humana, convertida xa en mercadoría sen que a tal hora nos sorprenda ou indigne que che anuncien cereais con fibra cando levas dous días sen cagar.

A certeza e o imperativo preditivo

O negocio destas empresas e dos seus socios publicitarios é logo a predición, coma Pemán, e a certeza é o seu santo grial. Cantos máis datos expropian, máis patróns extraen e mellores predicións fabrican, todo para ter a máxima garantía posible sobre o que imos mercar e consumir. E que mellor maneira de aumentar a certeza que influír no noso comportamento, modificar a nosa conduta, para que fagamos o que a IA predi que faremos: Se non pagas o seguro, o coche non arranca.

O imperativo preditivo transforma as cousas que temos en cousas que nos teñen a nós

Shoshana Zuboff, La era del capitalismo de la vigilancia

O Big Other e a utopística aplicada

Aos capitalistas da vixilancia non lles importa o que facemos, senón que o que fagamos deixe un rastro. Un rastro que os algoritmos poidan procesar para extraer patróns de comportamento, sexan cales sexan. Non se trata, pois, dun Big Brother a lo Orwell, senón dun Big Other a lo B.F. Skinner. Skinner formulou a teoría do condutismo radical nos anos 50 e 60 nos Estados Unidos: segundo el, o libre albedrío non existe, todo o que facemos e sentimos as persoas, igual que calquera cousa que acontece no mundo físico, ten que ter unha explicación e se non podemos atar os cabos de causa-efecto para predicilo é simplemente por falta de información e de medios para recollela e interpretala, cachis. Iso, claro, hai sesenta anos; o Skinner habíase relamber hoxe con Google. Somos daquela os suxeitos, os “outros” dos experimentos utópicos que plantexaba Skinner, aplicados agora a unha escala enorme polas grandes corporacións dos datos e as súas máquinas de certeza. Un rollo de laboratorio, frialdade, hixiene e eficiencia que a min o que me dá é moita grima.

A confianza social remata por se esvaecer, e xa non é máis ca unha rareza vestixial, como o terceiro teto ou a moa do xuízo dalgúns individuos.

Shoshana Zuboff, La era del capitalismo de la vigilancia

A ubicuidade

Os móbiles, tablets e ordenadores con todos os seus sensores e software, os navegadores web, os clientes de correo, as redes sociais, a nube, as consultas de voz e as centraliñas, as pulseiras e reloxos, os electrodomésticos, os coches, as cámaras, os sistemas de acceso e autenticación, os tpv, os caixeiros, as smart city, as smart home e en xeral todo o que leve ‘smart’, ‘intelixente’, ‘conectado’ ou similar… Cada vez hai máis métodos de extracción e rutas de suministro de excedente condutual. É difícil non deixar rastro. O normal é que nin sequera nos deamos de conta de que estamos deixando un rastro, ou sexa, o soño húmido de calquera científico do comportamento supoño. Máis grima.

O anticontrato e o texto na sombra

Total, que diariamente estamos participando en experimentos case sen sabelo e moito menos sen aceptalo debidamente -os clickwrappers dos avisos legais non deberían contar-, entregando alegremente información sobre as nosas vidas e costumes a cambio de servizos de salubridade dubidosa e dos que xa somos reféns de tanto usarlos, e todo isto sen sequera ter acceso ás conclusións do experimento. Só con pensar na información extraída da localización dos móbiles, ou a das pulseiras de actividade, dá yuyu caer na conta do valiosísimas que poden ser esas masas de datos para as compañías de seguros médicos ou para os gobernos, a policía, os criminais, por dicir algúns. Nin lendo ata a última letra do último enlace de cada Aviso Legal / Política de Privacidade / Política de Cookies que aceptamos chegaríamos a saber realmente quen puido procesar eses datos, que patróns puido extraer, que accións ten previsto executar ou xa executou para controlar tendencias, que beneficios levan recollido grazas a esas tendencias, etc. Si sabemos que hoxe temos o pulso cardiaco un 20% máis alto ca onte, pero o coñecemento a grande escala que se extrae dos nosos actos, o “texto na sombra”, o verdadeiro tesouro, permanece oculto para nós.

O coñecemento que rempraza a nosa liberdade é privativo (propietario). O coñecemento é seu, deles, pero a liberdade que se perde perténcenos exclusivamente a nós

Shoshana Zuboff, La era del capitalismo de la vigilancia

Ata aquí a reseña do ensaio este de Shoshana Zuboff que recomendo encarecidamente. Ando indagando ultimamente sobre todo isto da privacidade e a soberanía dixital e outra cousa coa que din e que me gusta son os contidos do colectivo Trackula, tanto a newsletter Techtopias como o podcast Nada que esconder, e mira que eu non son nada de podcast, este é o primeiro e de momento único que sigo.

Levo un tempo xa mudándome ao software libre en todo o que podo, incluso aprendendo a participar e entender o seu desenvolvemento, vou seguindo algúns proxectos que me interesan no gitHub e contribuíndo de vez en cando, con cousiñas moi pequenas, e o certo é que é emocionante por exemplo que Rachel Andrew che dea as grazas por un commit :) :) :)

Tamén me emociona que vou participar na primeira WordCamp Galicia! Será online, do 30 de setembro ao 1 de outubro, e xa están abertas as inscricións -é todo gratis e aberto por YouTube pero os inscritos poderán participar en sorteos e terán vantaxes exclusivas, coma no Eroski. Hai charlas que teñen moi boa pinta, como a de conexión con APIs de David Pérez, as custom properties en CSS de Marta Torre, o directorio de patróns de Mauricio Galves, o caso do multisite fala.gal de Anxo Sánchez, os estilos en Gutenberg de André Maneiro ou a prevalencia dos usuarios sobre os albaneis (amén!) de Nora Ferreirós. Eu falarei do inspector dos navegadores, unha das miñas ferramentas favoritas e coa que máis levo aprendido sobre a web nesta aventura autodidacta.

Estou moi agradecida a WordPress non só pola oportunidade da charla na WordCamp Galicia senón porque foi a miña porta de entrada no mundo da “albanelería web”, como me gusta chamarlle a isto de deseñar e desenvolver en dixital, que é ao que felizmente me dedico desde hai uns anos.

Así que por todo isto, pola Indie Web, pola privacidade e pola reposesión, por WordPress e polo open source, por min y por todos mis compañeros, queda oficialmente retomado o blog Todo Depende de Pilar Mera. Non sei por canto tempo, non sei sequera se chegarei a publicar isto que escribo agora en borrador, en local e on fire, non sei como vou organizar esta web, os contidos, o menú, o propio dominio é terrible, non sei se por fin o cambiarei, e a ver se me dou quitado do gmail, non sei quen lerá isto –adeus Google Analytics– nin sei se me importa… non sei nada pero creo que iso está ben, cada vez mellor, viva a dúbida, o erro e as burradas.

2 comentarios

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *