Onte vin ‘Os xuncos salvaxes’, unha peli francesa moi premiada no seu día, ou no seu ano, 1994. Está ambientada en 1964, cando a guerra de independencia con Alxeria, e fala de catro rapaces que están no último ano do instituto e que, basicamente, empezan a facerse adultos, con sexo, responsabilidades, ideoloxías e sentimentos incluídos.
O título do filme vén dunha fábula de Jean de la Fontaine, a fábula do carballo e a xunqueira. Neste conto, o carballo, moi chulito el, compadécese dos xuncos por seren tan pequenos e esmirriados que mesmo unha bolboreta os dobra, tan pouca cousa comparados coa imponencia da madeira centenaria. Pero despois vén un temporal tremendo, peor que o hortensia e o klaus xuntos, e mentres a xunqueira aguanta os embates do vento do nordés, o carballo engreído parte en dous.
Os rapaces da película son coma eses xuncos: sensibles a todo, cagados polo que poida pasar, descolocados polas experiencias novas: o descubrimento da (homo)sexualidade, a morte de familiares, o fracaso escolar, as novas amizades, a conciencia da guerra, o incertidume polo futuro… pero aínda así, malia todo, seguen enteiros, mirando cara adiante, felices cun simple chapuzón no río, aprendendo de todo en vez tronzar con gravidade como fan os maiores.
A forza da xuventude, a adaptabilidade que ten a xente nova, é algo que admiro moitísimo e que me gusta sentir de vez en cando. É como ser invencible, é un pulo de curiosidade, é ter ganas de máis. É sentir algo a tope, incluso algo chungo, e sentilo en todas as súas posibilidades e con todas as consecuencias. É un marrón ao revés. É non ter medo do medo. NON É CAER, É REBOTAR.
Como vedes, gustoume moito esa película. Aquí deixo un fragmento, unha frase da protagonista, Maite, unha rapaza comunista á que lle pesa a xuventude e só quere facerse maior.
Este post estame quedando moi ao estilo de Las Erinias, e como sei que a Sonia lle mola todo o que vén do Xapón, engado ás miñas recomendacións unha novela, ‘Sputnik, mi amor’, que tamén lin estes días. É de Haruki Murakami, o escritor xaponés máis coñecido no mundo enteiro hoxe en día, seica. Conta a historia de tres persoas que se enamoran entre si: unha novelista en potencia cun punto underground e antisocial, o seu amigo máis íntimo, e unha executiva coreana que importa viños de Europa. A novela tamén ten, claro, algunhas referencias a proverbios e fábulas famosas.
Como sabes o que me gusta…. ^__^
Xa lin o libro, é que de Murakami devoro todo o que cae nas miñas máns, se che gusta, podo recomendarche algún outro del. O que sí vou facer é ver esta película que comentas que che fixo escribir un post tan interesante :D
Véxote, Pi!! Escribe máis que boto en falta as túas letras ;)