Hai xa dous meses que escribín este post nuncapublicado. Creo que merece a pena convertilo nun porfinpublicado:
“Este fin de semana pasado foi curioso. Estiven nun par de acontecementos sociais en Abegondo, o meu novo concello. O primeiro foi o sábado á tarde en Bordel, unha aldea preciosa na que os veciños representaron unha historia que ocorreu alí mesmo hai máis de 800 anos: a batalla contra os mouros polo tributo das cen doncelas. Seica no século XII os mouros que andaban polas Mariñas obrigaban os paisanos a entregarlles cada ano cen mulleres do lugar. Cada familia que tivese máis dunha filla tiña que entregarlle unha ao califa. Ás da zona de Betanzos e Abegondo tíñanas retidas no pazo de Bordel, que aínda se conserva hoxe a medio restaurar e foi onde se representou a obra de teatro. Pois resulta que uns veciños rebeldes do Bordel medieval, compinchados con outros de Betanzos, armaron un plan para atacar os mouros e conseguiron liberar as mulleres das torres do pazo. Enfrentáronse aos árabes con pólas de figueira, e por iso hoxe hai un lugar alí que se chama Figueroa. Uns trinta ou corenta bordelianos representaron o sábado estes acontecementos, nunha obra breve pero intensa, con moito público e escenarios flotantes: do pazo á taberna improvisada onde se fragou o ataque á caron duns buxos centenarios, e dalí aos eucaliptos xigantes (e tamén centenarios) onde os mouros ataran ás mozas. E logo de todo isto, festa: había bochinche, gaiteiros, postos de artesanía, café de pota, castañas asadas, empanada e xamón asado gratis. Unha birguería. E por se fora pouco, tiven ocasión de visitar a taberna de Chucho, un lugar mítico de Bordel, o exemplo extremo de tantas outras tabernas-ultramarino de aldea. O local dá para un post enteiriño, ou mesmo para un blog, pero agora só podo recordar os tres calendarios con fotos de mulleres espidas e a catro patas colgados frente á barra. Se cadra algún bordeliano se anima a contar algunha das historias da de Chucho.”
p.d.-Do segundo acontecemento, a tal hora, non me acordo.
p.d.2-Ah, si: aquel domingo foi a romería de Sarandóns. Tamén merece un comentario aparte. Outro día, ou outro ano.
Hola guapa!!
Te he dejado un regalito..
http://blog.laopinioncoruna.es/laserinias/
http://tipika.blogspot.com/
deixoche eu tamén unha gozada de blog dunha xoven ilustradora. como ten que ser di que é de madrí. alí naceu. a metade das suas raices estan nun pequeno pobo de ourense no paralelo 42º (vilariño de lama má – baños de molgas). unha beleza.
ola pi. eu son de Bordel. Poderiache contar miles de historia do bar (pub) de chucho jeje!!
Fixeches un bo comentario.