E non vai ser todo música de fóra, que é que a tiranía da industria cultural é moita tiranía…
Xa está en marcha a segunda edición de A-polo-ghit, o concurso de vieiros e radio galega para escoller a canción do verán da música galega. Hai 82 temas para escoitar e votar, están todos nesta páxina, con descricións dos grupos e iso. De momento vai gañando a temática culinaria: as cancións que levan máis votos hoxe son ‘Licor Café’, de SkandaloGZ (uns de Ponteareas, seica) e ‘Arroz’, no que a Banda Potemkin anima a comer arroz (“máis de mil millóns de chinos non se poden enganar”). Con todo, eu confío en que suban no rankin o ‘Pagho eu’ de Chupadesky (o ano pasado foron finalistas con este temazo fanqui-dans, ‘Guachin in the sky’), e sobre todo, Esterko co single que os levou á fama: ‘Carral’, unha canción que fala da locura de cemento na que nos estamos convertendo.
“Non queremos hipocresía legal
só queremos que nos deixen en paz“…