Eu son Piscis. PIscis PIscis. Dos de verdade. E non todo o mundo pode dicir o mesmo do seu signo do zodiaco eh… Todo por culpa dos que discurriron o do horóscopo, que non foron nada detallistas. E agora a ver se me dou explicado, que o conto ten miga.
A principios do século XX os científicos acordaron que no ceo que vemos os terrícolas hai en total 88 constelacións, é dicir, grupos de estrelas que xuntas toman forma dalgo, como as nubes. As autoridades astrolóxicas da época colleron o ceo e dixeron: ‘a ver, aquelas sete estrelas dalí arriba parecen un carro non?’ ‘Home, un carro…’ ‘Si, así un pouco deitado’. ‘Pois veña, esa á constelación do Carro’. E así con todas as estrelas, até que as tiñan agrupadas en 88 formas. Ben podían ser 90, 100 ou 23, porque ao final iso dependía só das formas que vían no ceo, como pasa coas nubes os días de verán, que en canto un leva mirando un rato de camiño ve barcos, bichos que se bican ou nenos con chupete. E claro, ao mellor hai grupos de estrelas que máis ca un corvo parecen un iPhone, pero é que daquela diso non había.
E ademais, os científicos de 1930 tiñan bastante traballo feito, porque o de poñerlle nome e forma ás estrelas que tanto brillan lonxe da Coruña vén de moi moi lonxe. De feito, á constelación do Carro tamén se lle chama Osa Maior porque os gregos non vían un carro, senón unha osa (se cadra porque na constelación do lado, Bootes, vían un cazador). E os indios americanos non lle chamaban nin Carro nin Osa, senón Cucharón, e por iso hoxe nos Estados Unidos aínda se lle chama ‘Big Deeper’ (que en galego significa cucharón) a esa constelación. E para outros pobos parécese a un xabarín, a un hipopótamo ou mesmo a unha tumba, e eses foron os nomes que lle puxeron hai moitírmos anos e que na maioría dos casos aínda duran. E os incas de Perú, por exemplo, facían outros debuxos completamente distintos no ceo, porque o ceo no hemisferio sur é diferente.
Vale, pois os signos do zodiaco tamén son constelacións, grupos de estrelas con forma de escorpio, de peixe, de virxe… que xa están localizados no ceo desde hai máis de seis mil anos e que teñen todas unha particularidadade: están situadas na eclíptica, que é a banda do ceo pola que (aparentemente) pasan o sol e os planetas ao longo do ano. (Aparentemente, porque en realidade o que se move é a terra, pero iso xa non son capaz de (tentar) explicalo). Así, o sol ‘está’ en Xéminis entre o 22 de maio e o 21 de xuño, e en Acuario do 21 de xaneiro ao 19 de febreiro.
En realidade, así era contra o 2.000 a.c., cando os pobos mediterráneos da época lle empezaron a dar poderes adivinatorios ao zodiaco, é dicir, cando se inventou o horóscopo. Desde aquela dise que os Escorpio (os que naceron cando o sol ‘pasaba’ por esa constelación) son impulsivos e incontrolables; os Libra, ecuánimes e sociais; e os Piscis, tan adaptables que tenden á desorganización.
[[[ATENCIÓN, ESTOU CHEGANDO ONDE QUERÍA CHEGAR DESDE O PRINCIPIO]]] Pero o caso é que hoxe, catro mil anos despois, o sol xa non ‘pasa’ por Xéminis nas mesmas datas que no século II a.C., nin por Acuario ou Cáncer. Digamos que se ‘correron’ todos os signos, e xa non empezan nin rematan nas mesmas datas nin duran todos o mesmo tempo. E iso por que? Pois seica que polo movemento de precesión da Terra, que é outro a maiores da traslación e da rotación (tamén está a nutación) e que segundo chego a entender é similar aos tumbos que dá unha peonza antes de parar de bailar, como facendo oitos, só que infinitamente máis lento. A precesión vai cambiando pouco a pouco a orientación da Terra respecto do Sol e, daquela, tamén cambia o tempo que tarda en pasar por cada constelación da eclíptica. Así, desde o ano 150 d.C. o desplazamento do Sol sobre a eclíptica provocado pola precesión equivale a un mes, e por iso hoxe o verdadeiro signo do zodiaco da maioría da xente non é que sae nos horóscopos dos xornais, senón o anterior.
E non só iso, senón que cando se inventou o do horóscopo só había 12 constelacións (os 12 signos) na eclíptica, pero hoxe en día o Sol pasa por 14 constelacións distintas, polo que tamén deberían ser 14 os signos do zodiaco. Os signos perdidos son Ofiuco (que supostamente parece un home cunha serpe polo corpo) e Cetus, que parece unha ballena.
E todo isto é un dos argumentos que usan os astrólogos (os que din que Plutón xa non é planeta) para chamarlles trapalleiros aos astrónomos (Anamis, Rapel e cia.). A min iso dame igual, supoño que en parte porque eu son piscis agora e hai catro mil anos. Iso si, a partir do ano 2.300 os que nazan o 18 de marzo coma min xa non serán piscis, senón acuario, creo, porque para daquela volven ‘correrse’ os signos.
TOTAL, que aquí deixo unha lista cos verdadeiros signos zodiacais da actualidade, as datas nas que sol entra e sae en cada constelación. A ver que tal vos vai a vós. Molaría descubrir que un é Ofiuco ou, mellor aínda, Cetus, porque ese só dura 12 horas!! e está metido no medio de piscis.
ARIES- do 19 de abril ao 13 de maio
TAURO- do 14 de maio ao 20 de xuño
XÉMINIS – Do 21 de xuño ao 19 de xullo
CÁNCER – Do 20 de xullo ao 19 de agosto
LEO – Do 20 de agosto ao 15 de setembro
VIRGO – Do 16 de setembro ao 30 de outubro
LIBRA – Do 31 de outubro ao 22 de novembro
ESCORPIO – Do 23 de novembro ao 29 de novembro
OFIUCO – Do 30 de novembro ao 17 de decembro
SAXITARIO – Do 18 de decembro ao 18 de xaneiro
CAPRICORNIO – Do 19 de xaneiro ao 15 de febreiro
ACUARIO – Do 16 de febreiro ao 11 de marzo
PISCIS – Do 12 de marzo ao 27 de marzo ás 14 horas
CETUS – Das 14 horas do 27 de marzo ás 02 horas do 28 de marzo
PISCIS – Das 02 horas do 28 de marzo ao 18 de abril
P.D.–Por favor, antes ou despois lede este post, para que o traballo que me deu escribilo non sexa en balde…
hei son Ruben de Banda Potemkin…
estaba a buscar na rede a ver que se comenta sobre a banda por ahi e saiume un link a tua páxina. Curioseando lin este artigo e bueno noraboa polo traballo de campo e tamén pola explicación que con estas cousiñas un se pode liar moito.
Co teu permiso vou espallar un pouco o teu blog para algún amigo meu que de seguro vai disfrutar co teu interese e esforzo. Apertas meu!!!
benaventurados os espalladores de blogs. Moitas grazas ruben. Por certo, que seguro que nos mediocoñecemos, eu andaba (e aínda ando indo) pola asociación milepico de carral cando fixemos o último festival, en 2006, con vós, zenzar, rockers, esterko e outros. Se cadra non te acordas de min, pero seguro que si lembrades o xamón asado que puxemos pa cear. Normalmente triunfa
Saúdos!!
Ostras que pequeno e o mundo… claro que me lembro de ese xamon asado e das tortillas… todo moi rico rico, asi da gusto ires a tocar polo mundo adiante. Estarei pendente de este blog que me resulta moi curioso.
Saúde!!!
hola¡¡
interesantisimo lo del zodiaco..
ha merecido la pena el post , tu trabajada explicacion … ¡¡ a mi me has despejado dudas ¡¡
Un saludo¡¡
por certo¡¡ eu xa non son Leo. Cambiei a Cancer… non sei como sentirme¡¡
coma un leo ? coma un cancer ?
:)
Cheguei ó teu blog por casualidade e estame encantando. Sou unha antiga piscis que agoraé acuario, haber que tal me adapto ó cambio, igual agora a cosmopólitan si me adiviña o futuro co horoscopo jejeje. Noraboa polo blog
Moitas grazas anadebranha. E a todo o cosmos en xeral. Estou de volta, creo
Saúdos xentalla. Especialmente á alma cándida que resulta ser o arquitecto deste blog, desculpa por tomarme estas confianzas. :)
Aprobeito a miña primeira visita para saudar a propios e alleos, e para dicirche que aínda que moi currado o post, cometiches un erro no reparto de das datas. Ao mellor xa te decataras, era só para avisarte.
Verémonos de novo por aquí, a máis ver. Apertas a esgalla.