Isto era un can que se chamaba Felipe. Viviu en Carral polos anos 50, en concreto no lugar de Ans(1), que está á saída da vila indo cara a Santiago. Era o can de Lolo(2). Palleirán palleirán, pero tiña un superpoder que lle deu moita sona: sabía cando había feira e non se perdía unha. Todos os días 13 e os últimos domingos de mes (3), o Felipe aparecía pola mañá cedo no campo de feira, antes mesmo de que chegasen os primeiros feirantes de madrugada. Ao primeiro non lle daban importancia ao conto, pero o caso era que Felipe non tiña fallo e, malia ser un can obediente e moi fiel a Lolo, se había feira saía de casa e ía até o ‘centro’ de Carral (que estará a uns 700 metros??? de Ans), así tronase. E cando acababa a feira, volvía. Empezou a correrse a bola e ninguén se explicaba se era que o can cheiraba os callos desde Ans, se alguén chamaba por el ou como carallo facía. Claro, sempre hai escépticos nesta vida, así que os homes do lugar fixeron unha aposta e acordaron xuntarse de madrugada no cuartel da Garda Civil para esperar a Felipe, e comprobar se efectivamente chegaba tan cedo e el soíño a esperar os feirantes. Era o ano 48, recorda aínda agora un dos presentes, con boa memoria e bos genes. E alí estaba unha boa tropa de carraleses, ás seis da mañá dun día 13 ou dun último domingo de mes de 1948 esperando por Felipe no cuartel. E Felipe non os defraudou, apareceu coma un cravo. Á súa conta botaron unhas risas e sabe dios quen pagou os viños. 60 anos despois, o superpoder de Felipe, o can de Lolo, segue sendo un misterio. Quen me dera coñecelo.
1.- En Ans está o bar do Louro, que é o mellor sitio para tomar o famoso viño con mel de Carral. Sérveno con viño branco nunhas xerras míticas de cerámica e cunha culler sopeira para remexer o mel do fondo. Tan saboroso coma falso. E dos do Louro é Suso, o mellor xogador de chave do mundo. Chegou a facer 32 chaves en competición oficial, e 33 nun entreno (cada xogador tira 40 pellos nun partido). E o equipo de chave de Ans tamén ten a mellor marca da historia: 150 chaves entre os sete tiradores dun total de 280. Parece fácil pero non.
2.-Lolo era o carteiro de Carral. Andaba nun vespino vermello, modelo L, ou iso din as miñas fontes. Morreu hai pouco.
3.-Agora tamén hai feira, ademais, os días 4 de cada mes. Carral é dos poucos sitios que ten tres feiras ao mes, creo.
n.-Seguro que hai máis nomes curiosos de lugares de tres letras, coma Ans. Ocórreseme Pol, en Lugo, pero ten que haber ben máis ho.
E tamén Vic (Girona), Tui, Zas, Rus
AHI CHE VAN UNS CANTOS NOMES MAIS CON 3 LETRAS DENDE A SALA DE STAR OIS, OZA, OIA, MOS, NÓS (de San Pedro de Nós), COS
BEN CHE CHEJAN!!!!!!
En lugo:
foz
En Llanes( Asturias )
Pría
Cué
Poo
En Lanzarote:
Yé
Tías
En Alicante:
Sax
Elx
Cox
Ibi
Asp