Estiven estes días vendo os outros blogs de laopinioncoruna.es. Ademais dos xas comentados de Las Erinias, no que hoxe falan do poder dos pensamentos, ou A Foco Lento (fotolog dos fotógrafos do xornal), hai outros moi interesantes como Evasée, moi recomendable para os amantes do deseño e o grafismo, Un Coche Menos, que promove o uso da bici e do transporte público na Coruña, e Viva Zapata, un diario sobre o audiovisual galego contado polo director e produtor carralés Xosé Zapata [jo, coa publicidade fago eu de Carral polo mundo adiante e logo sempre me recordan que son estranxeira, ingratos…]. Por certo, neste último blog leo que o sábado (3 de maio) ás 18.00 proxéctase no CGAI da Coruña o documental ‘A ceo aberto’, que conta a historia das Encrobas e os seus veciños, os primeiros en toparse coa central térmica que Fenosa construíu alí, en Cerceda, nos 70 e que trinta anos despois aínda fumega por todos nós. Ese documental si que é algo recomendable. Podedes ver un resumo aquí, pero paga a pena velo enteiro, de verdade que está moi ben. Fíxoo un encrobés (?), Bocixa, que ademais é o cantante do grupo Zënzar, de Cerceda, banda mítica coruñesa que tamén lle ten dedicado varios temas á gran cheminea. E falando de música da comarca, esta noite espero ir ao concerto de Embora, un dos moitos grupos de Cambre que, un ano máis, participa no concurso Rock in Cambre, no que se escolle entre uns cantos grupos locais quen tocará de telonero no festival de rock que fai o concello en agosto, onde teñen tocado figuras como Rosendo ou Barricada. O concerto de hoxe é en Carral, na Sala The Star, outra boa recomendación.
En fin, que como xa vexo que hai moita outra xente con cousas que contar, creo que vou especializar este blog nas recompilacións de paridas sen moito sentido pero que estimulan a mente, poñen de bo humor a un e ademais facémolas entre todos. Xa teño pensada a próxima, pero vouna poñer noutro post para que destaque máis.