O de arriba é unha sabina deformada polo vento. As sabinas e os sabinares son moi habituais na illa de El Hierro. El Hierro é a illa máis pequena e a máis metida no Atlántico das Canarias. Por moitos anos, foi o extremo máis occidental do mundo coñecido, e por iso estaba alí o meridiano cero. No centro hai un volcán grandísimo que saiu do mar hai 100 millóns de anos. Agora está toda chea de cráteres, covas e piscinas naturais. O vento zoa de carallo alí. Os nativos eran os bimbaches, e tiñan unha árbore sagrada, o garoé, que ún tipo de árbore-fonte (capaz de absorber a auga da néboa ou do orballo). Hoxe na illa só viven 10.000 persoas, que viven da pesca, dos plátanos, das piñas e cada vez máis do turismo, aínda que non lles vai o de solyplaya. Cren na sostibilidade. Este ano estrean un sistema de enerxía eólica que os fará o primeiro lugar do mundo en abastecerse só con enerxías limpas e renovables.
Un sitio bonito, pequeno, cheo de mar e de aire e no que os veciños se apañan para non molestar demasiado. Gustaríame ir algún día, se me invitan.