Balas na neve

Ten 2 comentarios.

Finn_ski_troops

É tempo de neve. E o outro día, na barra dun bar, escoitei unha historia curiosa sobre a neve. Era a historia do biathlon, un deporte que se practica desde hai máis de 200 anos no norte de Europa e que é unha mezcla de esquí e tiro. En realidade non se practica como deporte desde hai tanto tempo, e aí é onde vén o curioso e tamén o natural do asunto: xa desde o século XVI, tanto Rusia coma Noruega ou Suecia tiñan soldados que patrullaban en esquís, porque nesa zona neva moito. E claro, como eran soldados tamén levaban pistolas e rifles (o das misións humanitarias de paz, daquela non había). E nas épocas de grea, ao mellor tiñan que esquiar varios quilómetros, agocharse na neve e esperar a que pasara un inimigo para dispararlle. Logo moverse outra vez e volver disparar desde outra posición. Daí lles vén aos escandinavos a afición polo biathlón. Din que a primeira carreira de biathlón foi en 1767, cando un batallón de soldados noruegos se picou con outro batallón de soldados suecos na fronteira. E, de feito, o biathlón foi un deporte de exhibición militar restrinxido para os civís até os anos 50, cando foi recoñecido deporte olímpico. Hoxe hai varias modalidades de xogo, algunhas individuais e outras de equipo. Pero basicamente consiste en esquiar cun rifle ao lombo, nalgúns casos até 20 quilómetros, e polo medio do camiño parar varias veces para disparar a unha diana, unhas veces de pé e outras deitado na neve. Os fallos no tiro penalízanse con tempo ou (moito peor) con máis voltas ao circuito, como na clase de ximnasia.

E para pechar o post vou deixar unha foto dunha atleta de biathlon, unha muller, como reflexión sobre o desprezo descarado que os medios de comunicación fan do deporte feminino. E como un guiño á miña audrey-sabrina e á súa teima coa discriminación de xénero.

biathlon

2 comentarios

  1. O bar no que escoitei a historia do biathlón é a Sala The Star, en Carral. En realiade é algo máis ca un bar, é unha sala de concertos, teatro, monólogos e o que lle cadre. De feito, non creo que haxa un local mellor para os espectáculos na comarca, incluída la citi. Se non me credes, mirade a web: http://www.salathestar.com

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *