navegando

Ten 0 comentarios.

Teño isto abandonado de todo, así que vou sementar con algúns enlaces de recente visita ou reflexión.

Estes días están botando peliculóns en TCM, “el cine que tenías que haber visto”. Con este eslogan, a canle fixo unha campaña de publicidade que gañou o premio correspondente no último festival de San Sebastián. O anuncio era unha especie de cobrador do frac pero coa cultura cinematográfica: a un pintábanlle o coche con “Este no ha visto ‘La ventana indiscreta” e a outro colgábanlle na ventana do salón unha pancarta que poñía “El del 5º aún no ha visto ‘El último tango en París”, e despois collían á xente pola rúa para que confesase que gran película nunca vira. Eu nunca vin ‘La naranja mecánica’, por exemplo. Animádevos, as confesións crean vínculos interpersonais moi estreitos… por veces incómodos. Pero ademais desta campaña, que fixo un rapaz chileno, gústanme moito os anuncios de TCM nos que ao lado das persoais reais que se bican baixo a choiva aparecen televisores planos nos que se ve a Clint Eastwood molladiño querendo a Maryl Streep en Madison. E que curiosidade, acabo de ler que a partir do 1 de xaneiro TCM deixará de emitir publicidade por sempre xamáis como deferencia cos seus espectadores. Así que a aproveitar mentres se poida dos anuncios de TCM.

O seguinte descubrimento destes días foi adnap, un destes artistas que colgan as súas cousiñas en internet, a ver se hai sorte. Este adnap é músico, e fai unhas versións de Jeff Buckley que son alucinantes, o tío canta case case igual que o Buckley.

E agora un dos meus vicios, e sei que o de moitos outros, pillines. Perdidos, ou Lost. Unha das mellores series de televisión para o meu gusto. Un enganche total. Unha paranoia. Un intríngulis total. Como sei que sabedes moitos de vós, aínda faltan 36 días para que comece a cuarta temporada (xa hai data: o 31 de xaneiro), logo de seis meses de inxusta sequía. Ben, pois resulta que para abrir boca os produtores están emitindo pequenos capítulos, de dous ou tres minutos, con ‘escenas perdidas’ de antes e despois do accidente. Son diálogos entre dous ou tres personaxes, e algún deles non ten desperdicio. Pódense ver aquí. E aquí podedes ver un resumo, duns oito minutos, das tres primeiras temporadas, moi chulo. Si, tres temporadas de Perdidos en oito minutos. Para rematala, pois xa deixo o link da Lostpedia, que é a páxina máis completa sobre teorías e información sobre a serie, e lostzilla, referencia dos fans en España.  E descubrín tamén un cómic online que parodia a serie, Pardillos. E para que todo isto non sone xa demasiado ‘fliqui’, como di carmela, pois cambio de tema.

Aínda que agora que o penso, o seguinte tema tamén é bastante fliqui. Resulta que a Coltra non lle gusta perdidos, así que perde o tempo noutras cousas como facer unha web coma esta, que vai dun xogo que se chama Eve e ao que xogan milleiros e milleiras de persoas (Touriño dixit) na rede. Polo que sei, o xogo vai de naves espaciais e historias inventadas, e cada un pode ser o personaxe que queira e dedicarse ao que lle pete. … A web está currada, iso si, pero prefiro Lost.

Levo tres días para escribir este post, e aínda me falta a metade do que tiña pensado, así que vouno deixar aquí e xa continuarei con outro.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *