A cuadratura do cuadrángulo

Ten 8 comentarios.

Atención pregunta: ¿Cal destes catro tiña seis dedos nunha man?

Resposta: non sei. Ou máis ben, que eu saiba, ningún deles. A pregunta era só unha tontería de presentación para captar a atención do lector. O que pretendo é falar destes catro pedazo de fenómenos:  Federico García Lorca, Leonard Cohen, Enrique Morente e Jeff Buckley. Pero non un por un, senón todo mezclado, como me gusta a min a comida. Porque a historia deles está unida, porque… (cuidao que vén outra fraseciña que empeza por “todo”) porque todo está conectado.

No caso que me ocupa a conexión comezou cando, aló polo 1929, Lorca foi estudar á universidade de Columbia, en Nova Iorque (a mesma onde estivo hoxe disertando Mahmud Ahmadineyad). Desa estancia saiu Poeta en Nueva York, un libro de poesías surrealistas no que o de Granada fala do mundo urbano, as présas e o barullo (ou iso din os expertos, porque como son surrealistas, vaite ti saber…). Anos e décadas despois, Leonard Cohen, que antes de nada é poeta, descobre a Lorca e á súa obra e queda o que se di “flipao” con el. Tanto, que cando nos 70 ten unha filla, o canadiano ponlle de nome Lorca. No anos 80, Cohen grava varias cancións inspiradas nos poemas novaiorquinos de Lorca: First we take Manhattan, Priest, Hallelujah ou Take this waltz (para esta última sei que dedicou 150 horas en traducir o poema Pequeño vals vienés). Todas moi chulas, épicas e tristes.

Ben, pois uns anos despois, en 1993, o cantaor Enrique Morente viaxa a Nova Iorque e coñece a Leonard Cohen, con quen comparte a paixón por Lorca e en especial polo poemario da Mazá Grande. Unha ‘rallada’ con Lorca, vaia. O caso é que de volta en España, Morente decide gravar un disco enteiro, titulado OMEGA, no que interpreta á súa maneira o libro Poeta en Nueva York, incluíndo varias versións dos poemas que xa musicara Cohen, como Sacerdotes, Manhattan ou Aleluya. Ademais, Omega (1996) ten valor engadido, porque o gravou co grupo de rock Lagartija Nick (granadinos, da quinta de Los Planetas) e supuxo un punto de inflexión, un antes e un despois para o flamenco.

Canto ao cuarto do cuarteto, Jeff Buckley, teño que recoñecer que a súa conexión cos outros tres é máis feble. Desde logo, non estaba tan emparanoiado con Lorca. Si, un pouco, con Leonard Cohen, así que gravou unha versión alucinante de Hallellujah. Pero metino no lote porque, como no resto, me encanta a súa música, porque a súa voz era incrible (din en wikipedia que era capaz de cantar en catro octavas e media) e porque a súa historia tamén é moi curiosa: Hai dez anos, en maio do 97, Jeff Buckley morreu afogado no río Wolf, en Memphis. Quixo darse un baño, vestido e todo, xusto antes de comezar a gravar o que ía ser o seu segundo disco. O primeiro, Grace, fora un éxito deses “de crítica y público”, e eu poñeríao polo menos nunha primeira criba de discos para levar a unha illa deserta, xunto a Omega e outros. O curioso é que o pai de Jeff, Tim Buckley, tamén fora cantante, folk, nos anos 70, e tamén morreu sendo moi novo (neste caso de sobredose), e en 1970 fixera un disco, din que o millor seu, que se titulou Lorca.

8 comentarios

  1. A ver si a esta vai a boa, en vez de Jeff Buckley eu poñería xunto a eses 3 monstruos a Rufus Wainright por 3 razons:
    1º-Lle gustan os homes como a Lorca (bueno ou dame esa impresión)
    2º-E amigo de infancia da filla de Cohen, Lorca, e na adolescencia iba a sua casa moitas veces (no documental de Leonard Cohen que saliu este ano fala diso Rufus)
    3º-A sua version do Aleluya de Cohen e a leche , a min gustame mais que a version de Buckley.
    Bueno o final quedoume moi ordenadiño :)
    Veña Pi a seguir co blog.
    Pi para presidente.
    Pi todo depende.
    Pi para placton do ano.
    ¿Para cando unhas reflexions sobre algunhas mans de poker tuas?.
    P.d. – a ultima pregunta é coña.

  2. Así me gusta, comentaristas produtivos.
    Efectivamente, o Hallellujah de Rufus está moi ben. Pero é que a versión de Jeff Buckley tamén está tremenda, e o orixinal de Cohen… sempre será o orixinal. E claro está que eu non me vou decidir por ningún, así que escoiten, comparen… e se atopan algo mellor, avisen.
    Ao vídeo de Rufus
    http://www.youtube.com/watch?v=uMrZ7lChK-g
    engado a de Buckley (non é a versión do disco, pero case)
    http://www.youtube.com/watch?v=AratTMGrHaQ
    e unha de cohen, interpretando a canción en directo en san sebastian nos 80. A escenografía parece un concerto de Julio Iglesias, con chicas de negro facendo e coros e movéndose suavemente, pero non. É Cohen.
    http://www.youtube.com/watch?v=6clzShEvYv4
    E como guinda, unha versión de dúas rapazas cantando na gala de fin de curso do cole, que atopei no youtube infinito:
    http://www.youtube.com/watch?v=D0n17mbZP30

    p.d. “Vencer sin peligro es ganar sin gloria”. Lo dijo Séneca

  3. ah, e me mola a candidatura a placton do ano, aínda que non sei moi ben o que significa… se cadra é porque son piscis…

  4. Pingback: O meu Morente | pi

Mentions

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *